Sunday 08 de September de 2024

Boqueixón duplica en seis meses o número de peregrinos que se aloxaron no pavillón de Lestedo durante 2023


Coincidindo coa visita dun grupo de 178 peregrinos, o alcalde salienta o positivo impacto do Camiño na economía local: “8 de cada 10 volven como turistas”

Un grupo de 178 peregrinos da Fundación Educativa Escolapias chegou este mediodía a Boqueixón, onde pasarán o día e se aloxarán no pavillón municipal de Lestedo. Un grupo que está facendo o Camiño de Inverno e que reúne a mozos e mozas de colexios de Madrid, Barcelona, País Vasco, Córdoba e Valencia.

A rapazada foi recibida polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, quen os acompañou no último tramo do camiño ata o pavillón de Lestedo, onde durmirán esta noite. Rodeiro Tato puxo en valor o positivo impacto que ten o Camiño de Santiago no desenvolvemento da economía local.

Importancia do Camiño

“O Camiño é un motor turístico importantísimo e en Boqueixón temos a sorte de contar con tramos do Camiño de Inverno, da Vía da Prata e do Camiño Miñoto Ribeiro, que o ano pasado trouxeron a máis de 10.000 peregrinos ao noso municipio”, explica Ovidio Rodeiro, quen destaca que “o maior gasto que fan os peregrinos, e ao que dedican máis do 60% do seu presuposto, é en comer e beber. E, ademais, prefiren consumir sempre produtos locais, o que supón riqueza para a hostalería e negocios locais dos nosos veciños e veciñas”.

Ademais, os estudos din que oito de cada dez persoas que fan o Camiño volven en calidade de turistas e catro de cada dez realizan algunha outra ruta xacobea. Isto supón un dobre beneficio para a economía local. “Un bo exemplo témolo hoxe con estes amigos das escolas escolapias de Madrid, Barcelona, País Vasco, Córdoba e Valencia, que xa estiveran connosco no 2019 cando percorreron a Vía da Prata e que hoxe volven a Boqueixón polo Camiño de Inverno”, apunta o alcalde de Boqueixón.

Crecemento dos peregrinos

A todo isto, engádese o significativo incremento no número de peregrinos que pasaron por Boqueixón neste ano 2024 con respecto a 2023. Segundo os datos que manexa o Concello, a día de hoxe duplicouse xa o número de peregrinos aloxados no pavillón municipal de Lestedo en todo o ano pasado.

Así mesmo, obsérvase un incremento de case o 10% no número de peregrinos en comparación cos seis primeiros meses de 2023. Así, a día de hoxe xa pasaron por Boqueixón 5.777 peregrinos, dos que practicamente o 80% procede da Vía da Prata.